Onte, 7 de novembro de 2025, tivo lugar a sinatura dun convenio de colaboración entre a Fundación Sergio Villar e CIMEGA (Asociación de Mediadoras e mediadores de Galicia), co obxectivo de desenvolver conxuntamente proxectos de mediación e resolución de conflitos a través das prácticas restaurativas.
O acordo, asinado por Ana Vázquez Corte, presidenta de CIMEGA, e Loli Díaz Señor, secretaria da Fundación Sergio Villar, supón un importante avance na aposta compartida por introducir na comunidade educativa novas formas de comunicación non violenta e ferramentas que axuden a construír relacións baseadas no respecto, a empatía e a responsabilidade compartida.
Tanto CIMEGA como a Fundación comparten unha mirada restaurativa: poñer o foco nas persoas e nos vínculos, máis que nas faltas ou sancións, e entender o conflito como unha oportunidade para aprender, reparar e crecer.
Os principios fundacionais de ambas entidades atopan así un punto de encontro natural: promover a cultura de paz, o diálogo e a participación activa das persoas na resolución das dificultades comúns.
Con esta alianza, abrimos unha nova etapa de colaboración orientada a integrar as prácticas restaurativas nas comunidades educativas, favorecendo espazos máis xustos, inclusivos e solidarios.
Un paso máis cara a unha sociedade que aposta polo poder da palabra e pola construción compartida da convivencia.
