Esta mañá tivo lugar o acto de presentación do programa “Acordamos ConVivir”, unha iniciativa orientada á promoción das prácticas restaurativas, do diálogo e da resolución pacífica de conflitos, que xa está dispoñible no portal web da Xunta de Galicia e foi recollida por diversos medios de comunicación.
O programa nace coa vontade de dar resposta ás necesidades actuais en materia de convivencia, apostando por ferramentas educativas, sociais e comunitarias que favorezan a construción de espazos de respecto mutuo, participación e corresponsabilidade.
A través dunha metodoloxía baseada no diálogo e no acordo, “Acordamos Convivir” propón un enfoque preventivo e integrador, dirixido ao conxunto da comunidade educativa.
Durante o acto de presentación puxéronse en valor os obxectivos fundamentais do programa, así como o seu carácter transversal e colaborativo. Destacouse especialmente a importancia de impulsar iniciativas que fomenten a cultura da convivencia desde idades temperás e que contribúan a fortalecer os lazos sociais, a cohesión comunitaria e a xestión positiva das diferenzas.
Desde a Fundación valoramos moi positivamente a posta en marcha deste programa piloto por parte da Xunta de Galicia.
A nosa participación no deseño e execución de “Acordamos Convivir” responde ao compromiso da entidade coa creación de contornas máis xustas, seguras e participativas, nas que o diálogo sexa a base para a resolución de conflitos e a mellora da convivencia.
A presenza institucional do Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e da Directora Xeral de Innovación Educativa, Judith Fernández, no acto, subliñou o respaldo público a este tipo de iniciativas e a aposta por políticas que incorporen a convivencia como un eixo fundamental da acción social.
Así mesmo, a repercusión nos medios de comunicación contribúe a dar visibilidade a un programa chamado a ter un impacto positivo e sostido no tempo.
Nos vindeiros meses, “Acordamos Convivir” desenvolverá distintas accións e actividades que permitirán avanzar nos seus obxectivos e ampliar o seu alcance.
Desde a Fundación seguiremos traballando de maneira coordinada co resto das entidades implicadas para garantir o bo desenvolvemento do programa e contribuír a unha sociedade máis xusta, cohesionada e comprometida coa convivencia.
Tedes dispoñible a intervención de Victor Villar na nosa canle de youtube.