A Fundación Sergio Villar é unha organización sen ánimo de lucro que nace en 2025 para contribuír a mellorar as condicións de vida de persoas e colectivos en situación ou risco de vulnerabilidade, prestando especial atención á infancia e á adolescencia.

Cremos no potencial das persoas e no seu poder transformador, por iso traballamos por un modelo social máis xusto baseándonos no respecto e a confianza.

Todos os nosos proxectos están destinados á asistencia, á intervención e á protección social coa mirada posta en fomentar a autonomía persoal e o desenvolvemento comunitario.

Aquí as cousas están, máis ou menos, como as deixaches.

O mundo non deixou de xirar na túa ausencia aínda que nos custe admitilo, e as noites e os días sucédense mentres navegamos á deriva sen facernos demasiadas preguntas.

En xeral, tampouco as persoas cambiamos especialmente, sabes? Esta adorada humanidade túa, que parece allea á túa partida, segue cargada de contradicións e no seu devir, dun tempo para aquí, afloran as paixóns máis tristes.

Pero non é momento para negar que o ser humano, polo mero feito de selo, é portador de dignidade e grandeza, como ti dicías, nin que na súa mente se avíva o xenio do sublime; da verdade, da beleza, da bondade.

Por iso, para salvar as túas palabras do esquecemento e manter a recado o teu eterno sorriso, as túas amigas e amigos, a túa familia e algunhas das persoas que tivemos a sorte de coñecerte, comprometémosnos a tratar de deixar o mundo un pouquiño mellor do que está.

Dalgunha maneira, o teu xeito de entender a vida nos inspíra e, na medida en que nos sexa posible, procuraremos defender a alegría e a diversidade, tentaremos brindarlle oportunidades a aquelas persoas que non tiveron moita sorte na lotería social e traballaremos para estender unha conciencia respectuosa co planeta e as outras especies que o habitan, como ti querías.

En definitiva, organizámonos para construír o teu legado.

Ser, ao fin imos comprendendo o que tratabas de dicir cando asegurabas que para explicar moitas das cousas que nos transcenden, só nos quéda elixir entre o absurdo ou o misterio… e que por iso, ti preferías o misterio.

Sendo así, cando nos volvamos a atopar, tal vez poidamos sentirnos á altura da túa sinxela humanidade.

Nunha ocasión lle díxo o raposo ao principiño -“O esencial é invisible aos ollos, vese ben, só, co corazón.”, e foi suficiente para entendelo.

No teu nome, Fundación Sergio Villar.