O pasado 22 de outubro tivemos a oportunidade de compartir un pequeno acto de presentación coas veciñas e veciños da Praza do Comercio.
A Asociación Veciñal acolleunos no seu local, ofrecéndonos a oportunidade de explicar o noso proxecto e, sobre todo, de coñecernos máis de preto.
Hai seis meses que abrimos as portas do noso espazo, pero a verdade é que levabamos xa case un ano traballando no acondicionamento do local. Nese tempo, o noso nome comezou a soar e a coller forma, entre a veciñanza, mais este encontro serviunos para dar un paso máis, coa intención de ir botando raíces, de fortalecer lazos e tecer redes.
Cremos nos procesos cociñados a lume lento, nos vínculos que se constrúen con dedicación e presenza. Por iso, cada pequeno paso, coma este, é importante para nós, e por iso en cada un deles poñemos coidado, escoita e vontade de aprender.
Tamén queremos ser parte viva do barrio, sumar e deixar que nos transformen as voces e necesidades das persoas que o habitan.
Seguimos camiñando, agradecendo de corazón a calor da acollida e desexando que este sexa só o comezo de moitas iniciativas compartidas.
