Blog

Acordamos Convivir.

A Fundación Sergio Villar, en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, está a desenvolver nos centros educativos galegos o programa “Acordamos Convivir”, unha iniciativa orientada a reforzar a convivencia escolar desde a mediación e as prácticas restaurativas.

O programa enmárcase nas políticas públicas de prevención do conflito e do acoso escolar, e aposta por introducir ferramentas que permitan ás comunidades educativas avanzar cara a modelos de relación baseados no diálogo, na corresponsabilidade e no respecto mutuo.

Unha ferramenta para a comunidade educativa.

“Acordamos ConVivir” diríxese ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria, incorporando tamén espazos de encontro co profesorado e coas familias.

Máis que unha acción puntual, o que se procura é achegar ás comunidades educativas unha ferramenta concreta: as prácticas restaurativas, entendidas como un marco de relación e intervención que pon o foco na reparación, na escoita activa e na responsabilidade compartida.

Durante as sesións trabállanse dinámicas participativas que permiten:
-Comprender o conflito como oportunidade de aprendizaxe.
-Practicar a comunicación respectuosa.
-Desenvolver habilidades de mediación entre iguais.
-Favorecer a empatía e a conciencia do impacto das propias accións.

Estas experiencias funcionan como punto de partida para que cada centro poida integrar, segundo o seu ritmo e contexto, este enfoque na súa cultura de convivencia.

Un traballo compartido.

A colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación Sergio Villar permite sumar esforzos institucionais e experiencia no ámbito da educación en valores e da cultura de paz.

O obxectivo común é fortalecer os centros educativos como espazos seguros e humanamente coidados, onde o conflito se aborde desde unha perspectiva educativa e restaurativa.

A convivencia non se resolve nun día, pero cada espazo de reflexión compartida abre camiño.

“Acordamos ConVivir” sitúase nesa liña: ofrecer ferramentas, xerar conciencia e acompañar procesos que, necesariamente, teñen continuidade no tempo.

Seguimos avanzando xuntos cara a unha escola onde aprender tamén signifique aprender a convivir.